Gaio xa traduciu máis de 250 millóns de palabras
luns, 21 de novembro do 2016
O servizo de tradución
Gaio, do
que falamos este pasado verán para informar da súa vertente “app”
e da posibilidade de descargármolo de balde dende Google
Play e App
Store, vén de ser obxecto de reconto. Máis polo miúdo, a
AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e a
Secretaría Xeral de Política Lingüística veñen de facer un
repaso da súa actividade dende o intre do seu lanzamento na
Internet, en setembro de 2015. Segundo fixeron saber, Gaio leva
traducidas 250 millóns de palabras dende aquela, cando os ditos
organismos da Xunta puxeron á disposición da cidadanía esta
ferramenta que, ata entón, era de uso de interno da Administración.
Desde ese intre Gaio
recibiu preto de 1,5 millóns de visitas que puideron acceder á
tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán,
portugués, inglés, francés, catalán etc.
Como lembraremos, Gaio
ofrece aos usuarios unha personalización de máis de 16.000 termos
entre topónimos galegos, terminoloxía específica da
administración, nomenclatura vinculada ás corporacións de todos os
Concellos, Consellerías etc...
Segundo engaden AMTEGA
e a Secretaría Xeral, trala versión pública de Gaio, aberta á
cidadanía, houbo un importante traballo de evolución e
desenvolvemento. De feito, “beneficiouse das melloras realizadas,
tanto a nivel lingüístico como técnico, durante os case dous anos
que a ferramenta levaba empregándose a nivel interno na Xunta de
Galicia”.
Como dixemos antes, o
pasado mes de xullo publicouse a aplicación
Gaio, a número 25 das ferramentas móbiles da
Xunta, e que xa leva 2.400 descargas acumuladas. A app
en cuestión permite a tradución de textos entre galego, castelán,
inglés, portugués, francés e catalán. “O usuario que descargue
Gaio”, informan AMTEGA e a Secretaría, “poderá gardar as súas
traducións favoritas, enviar suxestións para completar e mellorar
os dicionarios de Gaio, configurar os idiomas por defecto e
predeterminar se aplicación debe ou non marcar as palabras
descoñecidas”.