Gemini lidera as descargas na App Store

luns, 15 de setembro do 2025 Marcus Fernández

A denuncia de Elon Musk a Apple por manipular a App Store para que entre as aplicacións máis descargadas na categoría de Produtividade (que é onde figuran as aplicacións de IA), asegurando que é imposible que unha aplicación de IA consiga situarse por diante de ChatGPT cae polo seu peso se consultamos actualmente o Top de aplicacións de balde na App Store, tanto en EE.UU. como en España, estando en ambos casos Google Gemini en primeira posición, superando a ChatGPT na listaxe xeral, na que Grok estaría nunha posición 79ª nos EE.UU. (mentres que en España nin sequera entraría no Top 100).
Na categoría de produtividade Grok consegue colocarse en 5ª posición nos EE.UU. (aínda que no momento en que consultamos a listaxe caera ata a 7ª posición) mentres que en España quedaría nun posto entre o 12 e o 17, o que indicaría claramente que a aplicación simplemente non ten a demanda que Elon Musk persegue, por múltiples motivos (como a aversión do público ao propio Musk, ata a falla de fiabilidade de Grok).
A popularidade de Gemini na App Store ten unha explicación moi doada: a mellora da tecnoloxía de creación e modificación de imaxes integrada na aplicación. Esta tecnoloxía, alcumada como Nano Banana, converteuse en todo un fenómeno social, facilitando que usuarios sen destreza e experiencia en aplicacións como Photoshop poidan modificar fotografías de xeito complexo e realista mediante simples instrucións de texto.