Habilitados os espazos xoves para permitir á mocidade solicitar a Chave365

luns, 18 de xaneiro do 2021 S. P.

O Goberno galego quere facer avanzar as metodoloxías que relacionan á cidadanía coa Administración a través das novas ferramentas, metodoloxías que coa chegada da COVID-19 cobraron un extra de importancia e mesmo de urxencia. Desta volta, puxo o foco nas novas xeracións. En base a isto, a Xunta habilitou os “espazos xoves” autonómicos para que todas as mozas e mozos galegos poidan solicitar de xeito presencial a Chave365. Deste xeito, búscase facilitar á mocidade galega a xestión de solicitudes, axudas ou expedientes para os que se fai necesario este contrasinal.
En concreto, este trámite poderase realizar a partir de agora nos doce espazos xuvenís autonómicos0 situados en Betanzos, Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Lalín, Tui, Vilagarcía, Ourense, Chantada, Vilalba e Viveiro. Tamén se pode obter no Centro Coordinador de Información Xuvenil, en Santiago, ou no Servizo de Xuventude e Voluntariado de Vigo.
A Xunta lembrou que a Chave365 é o sistema que permite aos cidadáns maiores de idade e aos menores emancipados identificarse e asinar documentos na sede electrónica da Xunta sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico.
Coa Chave365 a persoa usuaria identifícase co seu NIF e clave persoal e asina electronicamente cun código que recibe no seu teléfono móbil.

PUBLICIDADE