Lanzada unha ferramenta para incrementar en número e calidade as descargas de aplicacións, AppBurn
mércores, 7 de xaneiro do 2015
A axencia Ibrands, unha
iniciativa xurdida ao
abeiro de Elogia e a súa nova andaina a través da marca Viko,
vén de presentar no mercado unha ferramenta especializada en ampliar
o número de descargas de aplicacións móbiles. Trátase de AppBurn,
e en palabras dos seus responsábeis “foi deseñada para xerar
novos usuarios de apps con capacidade de achegar valor e
experiencia de uso”. En definitiva, do que se trata non é tanto de
facilitar o camiño que temos que percorrer os usuarios para chegar a
unha ferramenta que nos sexa de utilidade, senón máis ben o camiño
contrario: o que teñen que emprender as empresas para localizar aos
seus usuarios potenciais, “aqueles que realmente precisen das súas
aplicacións”.
AppBurn, sinalan os seus
creadores, “utiliza tecnoloxía propia para a captación de
usuarios para terceiros a través de solucións para dispositivos,
como o uso de mobile ad networks, posicionamento en buscadores
SEM ou envíos de bases de datos propias captadas ao rexistrarse en
apps, o que garante que se trata de usuarios móbiles”. A
maiores, AppBurn non soamente se limita a xuntar usuarios para
optimizar os custos por descargas, senón que logra crear comunidade
que achegue valor e incremente o ROI (Return On Investment,
Retorno do Investimento)
a través da canle móbil da empresa, medindo as KPIs (Key
Performance Indicator) oportunas da aplicación e optimizando o
servizo dado en base ás mesmas. “O valor engadido de AppBurn”,
engade Ibrands, “é que dá un paso máis aló da captación e mide
se o usuario é de pago, activo ou non, e en que localización se
atopa para lograr descargas cualificadas de aplicacións”.