Lanzada unha plataforma para facermos reservas de amarres náuticos en tempo real
xoves, 14 de xullo do 2016
Vén de chegar ao panorama das
aplicacións e das plataformas unha ferramenta de especial interese
para os seareiros dos deportes náuticos. Trátase de iAmarre,
posta en marcha pola empresa estatal do mesmo nome co obxectivo de
“transformar un sector analóxico como o náutico nunha nova
contorna moito máis tecnolóxica e dixital”. Segundo fan saber os
responsábeis do seu desenvolvemento, iAmarre permite ao navegante
reservar en liña emprazamento nun peirao de atraque, e “facelo en
tempo real e a distancia”. Tamén posibilita acceder a “unha
completa guía de portos españois, sen ter que descargar unha
aplicación”.
O funcionamento para poder reservar a praza no
destino desexado, ben sexa a través do móbil ou outro dispositivo,
consiste no seguinte: mediante un buscador, o navegante escolle o
destino e realiza a súa reserva dixital de amarre “con total
seguridade e garantía”.
A idea da empresa é emendar as perdas de tempo que
adoitan vir da man das buscas dunha praza de atraque. Isto tamén é
aplicábel aos portos, onde a tecnoloxía de xestión da que dispoñen
“soe ser moi obsoleta”, sinalan os creadores da plataforma, que
engaden que iAmarre é quen de axilizar e facilitar o proceso de
xestión de atraques, “optimizando o tempo dos navegantes e
incrementando a produtividade nos portos”. A
tecnoloxía tamén salienta por fornecer unha comunidade náutica, co
porto e os usuarios conectados. “A través da web, o usuario pode
coñecer en tempo real toda a información relacionada co porto de
destino, como por exemplo os diferentes servizos que posúe, tales
como electricidade, auga, ou Wi-Fi, entre outros”, explican os
impulsores da plataforma.