LiveScience habilita un estudo sobre suposicións convertidas en mitos científicos (e viceversa)

venres, 20 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

O costume e a teimosía poden converter suposicións e ideas máis ou menos peregrinas en dogmas de fe, e viceversa. Unha resposta ocorrente no lugar axeitado (un bar cheo de xornalistas?) e no intre axeitado (os xornalistas están a piques de volver á redacción e teñen que levarlle algún tema candente ó seu xefe?) e o que doutro xeito parecería unha parvada acaba por ser a base ideolóxica dunha civilización. Ou case.
Diso trata precisamente o interesante artigo que inclúe estes días LiveScience sobre os 20 mitos científicos nos que levamos anos crendo cegamente e que non teñen –precisamente– apenas base científica algunha. Por exemplo: como é que cremos que os animais poden prever desastres naturais? Por que estamos convencidos de que un polo sen cabeza pode seguir vivindo durante un tempo? E como é que estamos tan convencidos ó cen por cen de que os bocexos son máis contaxiosos ca unha nova cepa de gripe? E quen nos dixo que o único monumento arquitectónico visible dende o ceo é a Muralla de China? Até cando vai a xente a seguir xustificando os bicos ós seus cans coa teoría de que as bocas caninas están máis limpas de xermes cás dos humanos?
O artigo de LiveScience, que por certo están en inglés, non se limita unicamente a negar o que críamos evidente, senón a afirmar a verdade do que levamos anos vendo como mentiras.

PUBLICIDADE