Máis de 50 emprendementos serán seleccionados para participar na 9ª edición do Pont-Up Store
xoves, 16 de xuño do 2022
Na
mañá deste xoves 16 de xuño presentouse en Pontevedra a novena
edición da Pont-Up Store,
a feira de innovación e emprendemento da cidade do Lérez, que este
ano vaise celebrar durante os días 23 e 24 de setembro na habitual
carpa instalada na praza de España, e que terá tamén un programa
de actividades paralelas en diversos puntos da cidade. Amais,
acubillará máis de 50 emprendementos seleccionados.
Na
presentación participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo
Fernández Lores; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín
Reigosa Roger; o deputado de infraestruturas da Deputación de
Pontevedra, Gregorio Luís Agís Gómez; a concelleira de Promoción
Económica, Yoya Blanco Rial; e o director do encontro, o profesor do
grupo de investigación G4 Plus da Universidade de Vigo, Pedro
Figueroa Dorrego.
O
reitor da UVigo, celebrou que Pontevedra se vaia converter por novena
vez na capital do emprendemento galego, e asegurou que “a economía
galega ten que sustentarse no traballo das persoas emprendedoras que
crean riqueza e fan país".
Gregorio
Luis Agís cualificou o encontro como un “evento moi motivador e un
referente a nivel galego” e o alcalde destacou a “explosión de
creatividade e innovación das iniciativas empresariais, o que
demostra confianza no futuro deste país”. Pola súa banda,
Figueroa agradeceu o apoio incondicional das entidades patrocinadoras
e asegurou que esta edición ten a misión de “reactivar e dar
apoio ao emprendemento galego nun momento especialmente delicado para
a economía, nun contexto marcado polas consecuencias da pandemia e
da crise enerxética provocada polo conflito europeo, que limita a
moitas iniciativas pero que tamén abre moitas oportunidades”.
Tres
modalidades
Este
ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un
emprendemento nun dos 35 stands gratuítos dispoñibles;
propoñer actividades demostrativas dentro do programa; e participar
na feira de talento Pont-Up Exprés. As candidaturas
poderanse presentar a unha ou varias modalidades ata o 6 de xullo a
través da web www.pontupstore.com.
A decisión da xunta directiva farase pública o 21 de xullo. En
total, van ser seleccionados para participar nesta novena edición
máis de 50 emprendementos.
O
director do encontro avanzou que esta edición porá o foco “na
internacionalización das empresas a través de varias actividades de
networking que permitirán aos novos proxectos de mercado
galegos conectar con proxectos doutros países para intercambiar
experiencias e coñecemento”. A sustentabilidade será a outra gran
liña de traballo do encontro, que incluirá no programa unha
interesante actividade para promover a economía circular.
Dentro
das actividades dedicadas a promover a cultura emprendedora, co apoio
de Abanca e Gadis presentarase unha aplicación pensada para promover
os valores do emprendemento a través dunha actividade organizada
pola empresa Skeirrum mediante unha Street Escape ou Escape
Room ao aire libre, na que participarán equipos de alumnado de
Secundaria e da Universidade, co obxectivo de promover o patrimonio
cultural e histórico da cidade de Pontevedra así como a cultura
emprendedora, a través dun percorrido interactivo polos puntos máis
emblemáticos da cidade, nos que estarán escondidos códigos QR, que
as persoas participantes terán que atopar para acceder a través
deles a unha aplicación web na que encontrarán diferentes adiviñas,
enigmas e probas contextualizadas na historia da cidade.
Ademais
volverán os obradoiros de R, enfocados a espertar a vocación
emprendedora en contornas tecnolóxicas a idades temperás; e dentro
do ámbito do emprendemento social, mostrarase o labor que desenvolve
a asociación solidaria Publicitarios Implicados, nacida para dar un
servizo completo de comunicación publicitaria a micro-ONGs,
plataformas de afectados ou colectivos solidarios, que non poden
asumir os custes dunha axencia de publicidade.
Dentro
do programa desta edición, o director do Pont-Up Store
destacou o Pont-Up Exprés, “o talent show do
emprendemento galego”, que permitirá a 10 iniciativas empresariais
presentar os seus proxectos a un xurado integrado por catro
representantes de importantes empresas e entidades galegas. A
finalidade desta actividade é “facilitar o achegamento e o
diálogo entre persoas emprendedoras e o tecido empresarial galego a
través da presentación de 10 proxectos de novo emprendemento, cun
formato dinámico e áxil, que se organiza en presentacións de
cinco minutos de duración”. Figueroa presentou o xurado desta
edición, que estará integrado por: Rosa María Seoane Domínguez,
xerente de Abanca Innova e xerente de Comunicacións, Xoán
Martínez Reboredo, director executivo de Kaleido, Ideas &
Logistics, Eva López Barrio, coordinadora do Proxecto Innovatia 8.3
do Instituto das Mulleres (USC) e Iago González Penedo, director
comercial en Disgobe.
A
feira Pont-Up Store é unha iniciativa do Grupo G4 Plus da
Universidade de Vigo, liderada polo Campus Crea de Pontevedra, e
conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello
de Pontevedra como patrocinador principal, e tamén co respaldo da
Deputación de Pontevedra, Abanca e R entre outras entidades públicas
e privadas.