O 10 de agosto celébrase unha nova edición do Rianxo Gaming
xoves, 27 de xuño do 2024
Este verán volve ao Barbanza o evento Rianxo Gaming Experiencie, desta volta en agosto, achegándolles aos seareiros galegos dos videoxogos un punto de encontro nesta tempada de verán: un espazo onde falar de videoxogos e eSports, interactuar con eles, poñelos a punto e mesmo crealos. Farase fincapé no videoxogo como produto cultural e de entretemento. “Achegarémonos a eles dende unha perspectiva educativa a través de charlas e obradoiros, e tamén dende o ámbito competitivo e lúdico dos eSports”, sinalaron os organizadores. Non faltarán Cosplay, PixelArt e postos de venda e gastronomía.
Haberá tamén espazos para o retro-gaming, a Realidade Virtual, as tendas, a música en directo e as charlas. Respecto destas últimas, inclúese unha charla educativa sobre mulleres gamer (retos e desafíos contados por elas mesmas), ás 12.00 horas no Campo de Arriba; e unha mesa redonda (Familia, eu quero ser youtuber) orientada ás familias para coñecer as saídas laborais, as oportunidades e os riscos que hai detrás da creación de contidos nas redes sociais.
O evento está financiado polo Concello de Rianxo; a produción corre a cargo de Lua Gaming.
Rianxo Gaming é unha feira aberta a colaboracións ou patrocinios publicitarios, a novas propostas de organización de actividades, e tamén á inscrición de persoas voluntarias que queiran participar na organización do evento. Mediante contacto co perfil social de Instagram ou no correo gamingrianxo@gmail.com podemos enviar as nosas propostas para a súa valoración.