O 84% dos proxectos de Kickstarter non cumpren cos prazos de entrega
mércores, 19 de decembro do 2012
- O smartwatch Pebble é o produto físico que captou máis atención este ano en Kickstarter
Non hai dúbida que unha das prácticas que máis destacou en
2012 foi o crowdfunding, especialmente
a través de Kickstarter, con proxectos como o reloxo intelixente
Pebble, a videoconsola
baseada en Android OUYA ou os videoxogos Zombie
Playground, Project Eternity
e Double Fine
Adventure, que conseguiron captar importantes cantidades económicas, pero
que poderían non merecer tal confianza se atendemos a datos publicados por
CNNMoney, onde analizan os 50 proxectos aos que se achegaron máis cartos
atopando que o
84% dos mesmos non están a cumprir os seus prazos de entrega, o que estaría
na liña dun estudo
publicando no verán que indicaría que o 75% dos produtos financiados deste
xeito non cumprirían cos prazos de entrega prometidos.
- As cores finais dos relexos Pebble aínda puideron verse este mesmo mes, cando o produto tería que terse entregado en setembro
E non estariamos só ante pequenos retrasos, senón que nalgúns casos aínda non
se sabe se os produtos serán realidade algún día. Resulta especialmente
rechamante o caso de Pebble, o smartwatch
cunha pantalla de papel electrónico
(que resultaba non utilizar realmente tal tecnoloxía) que prometía chegar o
pasado mes de setembro, e que tería que ter entregado xa máis de 85.000
unidades, e que posiblemente non vexa a luz ata o mes de abril, o que
claramente resultará frustrante para os que adiantaron os cartos por un dispositivo
que ten moito que demostrar.
Dende CNNMoney aseguran que dos 50 proxectos de Kickstarter, 16 aínda non terían
entregado nada, e 26 enviaríanse cun retraso medio de 2 meses, entrando tamén a
analizar a causa disto, que non parece ser outra que a falta de experiencia por
parte dos distintos promotores, así como a falta de arela de lucro, pois en
moitas ocasións os proxectos responden máis a intereses artísticos ou a metas
persoais a superar. Deste xeito non queren mandar a mensaxe de que o crowdfunding sexa algo no que non
depositar a confianza, senón que simplemente advirten de que hai que ter
paciencia para poder ver os resultados de proxectos planificados dun xeito
pouco realista.