O CPEIG desenvolverá obradoiros de robótica para nenas e nenos hospitalizados
luns, 3 de xuño do 2024
- Imaxe dunha actividade de robótica celebrada polo CPEIG no CHUS de Santiago
Este mes de xuño a Xunta porá en marcha obradoiros de robótica e programación para menores ingresados en centros hospitalarios do sistema público de saúde, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Así se recolle no informe abordado este luns 3 de xuño na reunión do Consello da Xunta sobre o convenio entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e o órgano que representa o colectivo de enxeñería informática en Galicia.
Segundo informaron, levaranse a cabo dúas sesións ao ano, comezando en xuño e continuando nos meses de outubro e novembro, en cada área sanitaria. En total serán 14 obradoiros nos que están previstas actividades como transformar froitas e utensilios de cociña en mandos de xogos de computador; ou probar robots con forma de coche ou mascota que mudan o seu comportamento en función do son ambiental, da luz ou da distancia a outros obxectos grazas a sensores integrados.
“Con estas actividades interactivas e prácticas”, informou a Xunta, “proporcionarase unha distracción positiva da situación médica de cada paciente e agárdase que contribúa á súa recuperación emocional e mental, xa que a hospitalización é unha fonte de estrés para nenas e nenos e as súas familias; por iso, os obradoiros están pensados para celebrarse en grupo para favorecer a interacción social, aínda que tamén están previstas sesións virtuais no caso de pacientes que non poidan participar fisicamente nos xogos”.
As actividades creativas serán impartidas por empresas galegas do ámbito tecnolóxico a través dos seus plans de responsabilidade social corporativa e, para poder levalos a cabo, o Servizo Galego de Saúde destinará 11.500 euros á adquisición do material necesario.
Lembrar que o CPEIG conta xa con experiencia previa en actividades didácticas destinadas á nenez xa que desde o ano 2010, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, organiza as charlas Navega con Rumbo. Nestas sesións xa participaron milleiros de alumnos para formarse sobre a navegación segura na Internet e o uso seguro das redes sociais.