O CiTIUS acada a máis alta cualificación na avaliación de centros de investigación do SUG
martes, 11 de xuño do 2024
O CiTIUS, Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC, está estes días de celebración. Segundo informaron fontes do centro compostelán, na recente avaliación de centros de investigación do Sistema Universitario Galego (SUG) a Comisión Científica externa da Xunta de Galicia, formada por expertos de máximo prestixio neste eido, puntuou a progresión do centro nos últimos anos coa máis alta cualificación: unha "A".
Dúas cátedras universidade-empresa (IA en Medicina Personalizada de Precisión e Deseño Microelectrónico); dous premios ao centro polo seu impacto e relevancia social (Premio SERenidade, Cadena SER, e Premio Especial CPEIG, Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia); e a responsabilidade e o privilexio de organizar o encontro científico máis importante de Europa no ámbito da Intelixencia Artificial (ECAI 2024), son só algúns dos éxitos máis recentes do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC).
A eles únese un agora un novo que o centro da USC cualifica de “recoñecemento excepcional importancia”. Trátase de ter conseguido a máxima cualificación posíbel trala recente avaliación de calidade do centro, realizada por unha comisión de expertos designada pola Xunta de Galicia dentro da súa política de centros singulares de investigación do Sistema Universitario Galego. “Para entendermos, é como recibir un sobresaínte”, aclara Senén Barro, director científico do CiTIUS, engadindo en que “isto ten unha enorme relevancia, dado o rigor co que somos avaliados e a súa repercusión no financiamento do centro”.
Barro tamén salienta que “con este resultado o CiTIUS sitúase na elite dos centros de investigación”, e faino xunto con outros tres centros da USC: IGFAE, CiQUS e CiMUS. Tamén destaca o feito que a Universidade de Santiago “resultou ser a única universidade galega que logrou unha A para os seus centros de investigación”.
Barro ve nesta nova cualificación un estímulo para seguir medrando: “Estamos seguros de que non só reforza o noso papel como referente da investigación en Intelixencia Artificial de Galicia, senón que tamén nos revaloriza dentro do sistema de investigación español e europeo”.
A avaliación externa ao CiTIUS asegura que o centro “demostrou un desempeño sobresaliente” na súa actividade e sinala, ademais, que “non só destaca pola súa solidez e balance entre visión e execución, senón tamén por unha estrutura organizativa e estándares de calidade, que o sitúan á vangarda no seu ámbito”.
Máis especificamente, o equipo avaliador alude á propia organización do centro, sinalando que “en termos de organización e goberno, o CiTIUS caracterízase por unha estratexia dirixida cara ás Tecnoloxías Intelixentes, priorizando a excelencia e a calidade sobre a cantidad”. Isto, xunto cunha estrutura que promove unha xestión do talento eficaz e decisións áxiles, configura ao CiTIUS como “un centro ben organizado, cun claro enfoque cara a estándares de calidade elevados”, saliéntase.
No que respecta á dimensión da calidade da investigación, as persoas responsábeis do informe enxalzan “as súas contribucións científicas de alto impacto” e a capacidade do centro para “atraer proxectos de investigación de relevancia”.
Tamén se deteñen na relevancia social do CiTIUS, valorando de forma moi positiva “a súa relación e esforzos co grao de IA, cuxos resultados mostran un enorme potencial como panca de cambio neste contexto”. Seguindo este fío, o informe destaca tamén “a implementación de políticas éticas sólidas en Intelixencia Artificial, e a expansión do impacto social e comunicativo do centro a nivel global”, animándoo a continuar traballando na mesma liña.
O informe de avaliación conclúe que é relevante destacar que “o CiTIUS é un centro cuxo crecemento é altamente desexado e anticipado”. Así mesmo, sinala tamén “a ambición do centro por consolidarse non só como un referente nacional en IA, senón tamén de proxectarse como un centro de referencia internacional”.