O Concello de Ames renova a súa páxina web para adaptarse á e-Administración

xoves, 19 de maio do 2011 Marcus Fernández

O Concello de Ames vén de renovar a súa páxina web para presentar unha aparencia máis moderna e preparada para acoller os 110 procedementos administrativos que se implantarán dentro do programa de administración electrónica. O novo espazo tamén inclúe un apartado dedicado ao audiovisual, na que figuran galerías fotográficas e vídeos.
Con este redeseño o Concello tamén quere apostar pola accesibilidade, elemento no que están a traballar cumprindo a marca AA segundo a norma UNE 139803:2004 e as directrices de accesibilidade para o contido web 1.0 do W3C. Tamén pretenden incorporar arquivos de son para permitir escoitar as novas que se van publicando na web a diario.

O alcalde de Ames, á dereita na imaxe, participou na presentación da nova páxina web municipal

O novo espazo tamén facilita compartir os seus contidos a través de correo electrónico, Twitter e Facebook.
No acto de presentación do novo escaparate virtual do Concello de Ames interviron o alcalde, Carlos Fernández, e o concelleiro de Reforma Administrativa e Calidade na Administración, José Miñones. Fernández asegurou que era preciso renovar a antiga web municipal que levaba funcionando dende 2005 para adaptala aos novos tempos, destacando que «no novo portal instalaranse 110 procedementos relativos á administración electrónica».
A nova feitura da web tamén dá máis importancia ás seccións de axenda, avisos e de convocatorias, e conta cunha xanela que aparecerá na pantalla de inicio no caso de existir algún aviso urxente para a veciñanza.

PUBLICIDADE