O Congreso Flúor pechou con 300 asistentes presenciais e un milleiro por Internet
venres, 10 de xuño do 2022
O 4º
Congreso Atlántico de Mercadotecnia Dixital (Congreso
Flúor) clausurouse venres 10 de xuño. Fíxoo cunha
participación de máis de 300 asistentes presenciais e máis de
1.000 conectados por internet (streaming). O obxectivo foi
achegarlles dúas xornadas sobre novas tendencias, como a
mercadotecnia consciente, os podcast, as novas estratexias de
captación de clientes e, sobre todo, o metaverso, “un auténtico
mundo dixital que se converterá nunha realidade efectiva para a
mercadotecnia e os negocios de Galicia e de todo o mundo”, segundo
coincidiron os expertos convidados. Flúor celebrouse no auditorio de
AFundación en Pontevedra. Participaron 22 relatores de España e
Portugal.
Este
venres o congreso ofreceu catro talleres prácticos sobre temáticas
especializadas como os podcast, o metaverso ou a aplicación da
ciencia de datos en mercadotecnia.
Samuel
L. París, creador de contidos e estratexias en Axencia Nasas, falou
sobre o Podcast como ferramenta de mercadotecnia. Pola
súa banda, Pablo Borrás García, director executivo e
fundador de 2beDigital, titulou o seu obradoiro A oportunidade do
Metaverso: Da web 2 á web 3.
Patricia
Ricon Rodriguez, planificadora de medios en Avante Evolumedia, falou
sobre eficacia e publicidade no seu taller É xa o banner un
formato mainstream? e Joan Miró, co-fundador e manager xeral en Kraz
(Viko Group), falou sobre Clusterización de clientes aplicando
ciencia de datos.
Tamén
nesta xornada de clausura, o Congreso Flúor deu este ano un paso
máis na súa colaboración coa Universidade de Vigo e a súa
Facultade de Comunicación, cun encontro novo de citas rápidas ou
speed dating, no cal 17 alumnos a piques de graduarse na
Facultade presentáronse en moi poucos minutos ante 11 de axencias de
mercadotecnia e comunicación, coa finalidade de incorporárense ao
seu persoal.
Para
pechar, o congreso finalizou cun percorrido pola zona histórica de
Pontevedra, guiados pola Concellaría de Turismo.
O
congreso está organizado polo Clúster de Comunicación de Galicia,
que une a toda a cadea de valor da comunicación de Galicia:
profesionais de mercadotecnia, de comunicación, deseñadores,
creativos, axencias de publicidade, de medios, mercadotecnia dixital,
impresores, etc.
O
patrocinador principal do Congreso continúa sendo a Concellería de
Promoción Económica do Concello de Pontevedra, cidade que acolle a
versión presencial desde o seu inicio en 2019, e cuxa imaxe está
presente durante a retransmisión en liña do congreso.