O primeiro mapa topográfico galego pode consultarse na web

xoves, 14 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Olalla Sánchez no seu blog de La Voz de Galicia descúbrenos que certas páxinas web, pese a ser moi modestas, poden ter un interese moi especial, e así a Fundación Domingo Fontán consegue o obxectivo de dar a coñecer a figura do ilustrado aventureiro natural de Portas (Pontevedra) do que leva nome, así como permitir que calquera interesado poida ver na pantalla do seu ordenador a Carta Geométrica de Galicia, considerada coma o primeiro mapa topográfico e científico da nosa comunidade.
Para a elaboración de tal mapa Fontán destinou 17 anos da súa vida, percorrendo a pé e a cabalo todos os currunchos de Galicia, rexistrando con precisión a orografía galega e localizando as 4.000 igrexas das parroquias e os accidentes xeográficos importantes.
Este documento presentado en 1834 está agora dispoñible para a súa consulta na Cartoteca da web da Fundación Domingo Fontán, xunto con preto de 800 reproducións dos traballos de campo de Fontán, no que poderiamos considerar todo un museo virtual desta figura a preservar.

PUBLICIDADE