O público apoiou dende tódalas frontes a defensa da industria cultural galega proposta por Culturgal
luns, 3 de decembro do 2012
A
edición 2012 da feira da cultura galega, Culturgal,
resultou ser todo un éxito: tanto de participación das nosas
empresas do sector cultural e sectores lindeiros (incluído o das
novas tecnoloxías da información) como de asistencia de público en
xeral. Segundo fan saber os organizadores do salón celebrado en
Pontevedra, esta quinta convocatoria conseguiu unha vez máis o apoio
do público e a vontade de seguir medrando e sorprendendo á xente
coa calidade e a biodiversidade cultural galega. Xulio Amigo,
presidente da asociación Culturgal, cualificou de duplo o dito
apoio: tanto polo feito de ter asistido (empresas e público) como
polas achegas económicas recibidas dende múltiples canles, incluída
a compra directa de produtos. Lembrar que entre as entidades
organizadoras atopouse de novo EGANET, a Asociación Galega de
Empresas Adicadas a Internet, dende a que consideran esta quinta
edición “un
avance para Culturgal e para o recoñecemento das TIC como
ferramentas fundamentais para a mellora social e empresarial”.
A
plataforma de empresas tecnolóxico-dixitais
que dirixe Víctor López salientou
tamén “a
ampliación da presenza das TIC e a da implicación dos profesionais
do sector”.
Manuel
Bragado, presidente da AGE, destacou
o aumento de actividades e público, “malia
o recorte orzamentario”
e recordou que “nun
contexto no que o sector arrastra unha caída do 30% dende comezo de
ano, que na feira
non só se manteñan as vendas senón que medren é un gran éxito”.
E
proseguiu: “Culturgal
está consolidado como evento de referencia para o sector e como a
gran cita da primeira fin de semana en Pontevedra para o público, e
agora só queda seguir medrando e seguir sorprendendo”.
Para
o presidente de AGAPHONO, Cándido Meixide, “Culturgal
é a feira de referencia para a posta en valor das creacións do
sector musical, que está agora en pleno proceso de transformación e
precisa máis que nunca da transversalidade”.
Ignacio
Vilar, en
referencia ao
sector audiovisual Culturgal, dixo
ao fío das valoracións desta nova convocatoria celebrada a pasada
fin de semana que foi
“a
constatación de que a cultura neste país é un negocio rendible e
con futuro; ver
tanta xente dános ánimos para seguir neste oficio”.
Juan Rodríguez, secretario de Escena Galega, salientou
a importancia que supón para o sector das artes escénicas “esta
oportunidade de achegarse ao público e compartir con eles as nosas
preocupacións”.
Pola
súa parte, o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, lembrou o
potencial da feira galega, aglutinadora do noso sector cultural e de
moitos outros eidos produtivos directamente relacionados, como un
foco de vantaxes e beneficios para a propia industria pero tamén
para o público participante e para o bo galego en xeral. Anxos
Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra, afirmou que “nestes
tres días intensos de Culturgal está recollida unha gran parte da
realidade cultural do país”.
O
compoñente TIC
A
través da participación directa de EGANET na organización e máis
da presenza de diferentes profesionais e empresas galegas do sector
TIC no programa, a quinta edición de Culturgal tivo un compoñente
tecnolóxico-dixital especialmente salientábel. Xa non só pola
achega de iniciativas que, como GalApps, amosaron a rica (e
enriquecedora) colleita das leiras
onde
se traballa coa cultura galega e as redes, senón porque
practicamente calquera das propostas presentadas en Culturgal, a
nivel xeral, tivo o seu reflexo ou pegada no plano virtual. Nun plano
máis concreto, a nova edición do salón da cultura galega acolleu
dúas mesas redondas e catro obradoiros sobre as TIC. Segundo nos
lembraba
o pasado 12 de novembro, en rolda de prensa, a organización deste
importante encontro, “ninguén
dubida xa da importancia que teñen na nosa vida cotiá as novas
tecnoloxías, así que resulta obvio dicir que tamén teñen cada vez
máis peso no eido da cultura e na súa difusión, de aí que as
experiencias TIC tiveran que ter o seu espazo relevante no Culturgal
2012”.
As accións tecnolóxico-dixitais de Culturgal centráronse
na
zona de Garaxe, e
alí puidemos coñecer
aplicacións lingüísticas para móbiles como
a devandita GalApps e a súa nova guía social de tabernas, Imos?,
das que temos falado en Código Cero con motivo da posta
a disposición dos internautas
da primeira e máis
das vantaxes da segunda (é unha guía social e móbil sobre
gastronomía e enoloxía galegas).
Tamén houbo aplicacións
para podermos carrexar no iPad os nosos cómics favoritos (Galaxia
Cómic),
unha nova canle dixital de
R e Casa de Tolos para achegarnos música galega en directo
(Tolemias)
e plataformas para a xestión de públicos culturais (Culcities).
Orama
presentou, a maiores, unha canle de móbil gratuíta para a promoción
de actividades socioculturais e Galaxia Tales unha plataforma de
contos en rede. Own
the Way, ademais, amosou en Culturgal en que consiste un sistemas de
atención a usuarios en tempo real chamado RTUS. Tamén se lles
explicou aos asistentes a
natureza e obxectivos de LabRural e máis
de Guifi.net, unha oportunidade esta
última para afondar no que implica unha rede cidadá sen fíos que
facilita a interconexión dos computadores no ámbito rural ou
urbano.
A
forza de todo o sector
A
feira Culturgal está organizada por unha entidade da que forman
parte as asociacións profesionais máis representativas do sector:
Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas
de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Produtoras
Fonográficas (AGAPHONO), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás
Novas Tecnoloxías (EGANET), Asociación Galega de Produtoras
Independentes (AGAPI). A feira conta co patrocinio da Xunta de
Galicia, a través da AGADIC e da Secretaría Xeral de Política
Lingüística, do Concello de Pontevedra e do Ministerio de
Educación, Cultura e Deporte e conta coa colaboración de máis de
30 entidades e empresas.