O videoxogo de X-Men Orígenes: Lobezno incluirá trama adicional á película na que se inspira

mércores, 8 de abril do 2009 Marcus Fernández

A película X-Men Origígenes: Lobezno vai contar cunha adaptación ao videoxogo que chegará para PS2, PS3, PSP, Xbox 360, PC, Nintendo DS e Wii, e que pretende chegar ao mercado á vez que o filme, prometendo uns gráficos impresionantes, moita violencia e sorpresas que agradarán aos afeccionados ao mutante máis popular da Marvel.
Este xogo desenvolvido pro Raven Software narrará as orixes de Lobezno, a súa fuxida do proxecto Arma X, e aventuras que iniciarán na película que veremos a primeiros de maio nos cines, pero que continuarán máis aló. Dan Vondrak, director do xogo, declarou que «incluiremos aos nosos propios personaxes na historia», o que non supón que esquezan aos da película (pois incluso os actores do filme poñen voz ás súas réplicas virtuais) senón que a historia continuará máis aló da trama principal, como podemos ver nalgunhas das capturas oficiais do xogo, nas que apréciase, entre outras cousas, a figura dun Centinela.

A aparición dun Centinela deixa claro que o xogo vai máis aló da trama da película que o inspira


Pero a historia non parece ser o punto forte deste título, que destaca polos modos de combate, de xeito que Lobezno tanto golpea aos inimigos no chan coma no aire, combinando unha chea de movementos para dotar de grande dinamismo e espectacularidade ás loitas que centran a acción.
Como curiosidade, o produtor do xogo, Jeff Poffenbarger, comentou que os pantalóns do protagonista son indestrutibles, pois nas probas que fixeron durante o seu desenvolvemento descubriron que resultaba anti-estético ver cómo tras uns minutos acción violenta o personaxe principal aparecía vestido practicamente cun taparrabos.


Dan Vondrak permite botar unha ollada ao xogo nunha entrevista



O produtor Jeff Poffenbarger sostén que este será o xogo definitivo do personaxe interpretado por Hugh Jackman

PUBLICIDADE