Os DVD que se vendan en Catalunya terán que incorporar a opción do catalán

xoves, 14 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Quen sentira abraio algunha vez ao atopar ducias de DVDs de tódolos xéneros con opción de linguaxe ou de subtítulos en catalán e nunca en galego, vai estar a partir de agora dobremente sorprendida/o. A desigualdade cultural dun país e outro vólvese percibir claramente coa posta en marcha en Catalunya dun regulamento, a Lei de Cinema, que obriga ás distribuidoras e produtoras a lexendar na súa lingua a metade das copias que se distribúan dun filme. Mentres, aínda que isto é outro cantar, na nosa terra pónselle freo á lingua propia nas escolas… Enleadas aparte, a dita Lei de Cinema non sae da nada: tal e como dixemos ao principio, os cataláns xa levan anos despregando esforzos para que se ofrezan produtos audiovisuais acordes coa súa cultura.
Como era de agardar, o regulamento non está a sentar nada ben entre unha boa parte da industria encargada de exhibir e distribuír cinema por aquelas terras, pois consideran que se trata dun traballo extra que lles sae da nada.
Os seus argumentos, probablemente máis económicos que españolistas (aínda que os españolistas fagan con eles causa común), sitúan no punto de mira a Joan Manuel Tresservas, conselleiro de Cultura do país e un dos principais responsables desta medida. A cousa non é para broma: segundo informa o Portal da Língua, a lei imporá sancións de até 75.000 euros e con multas de entre 1.000 e 5.000 euros para quen faga caso omiso dos deberes que abrangue a lei. Por certo que a esta só lle queda ser debatida no Parlament, onde poderá ser obxecto de cambios a raíz dos diferentes puntos de vista dos partidos políticos. Con todo, os principais responsables do regulamento consideran que non mudará substancialmente.

PUBLICIDADE