Os centros tecnolóxicos galegos póñense a disposición do Goberno para loitar contra o COVID-19

venres, 20 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Carlos Calvo, director do ITG

Os centros tecnolóxicos galegos póñense en pé de loita contra o COVID-19, poñendo en xogo os seus recursos para a investigación avanzada e urxente. Segundo informou este venres o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), os centros estatais que forman parte da Federación FEDIT (entre os que se contan, pola nosa terra, o ITG, AIMEN ou o Centro Tecnolóxico Gradiant) acordaron pór a disposición do Goberno todas as súas capacidades tecnolóxicas, recursos e infraestruturas nesta situación de crise provocada pola pandemia do coronavirus. En total, trátase de 35 centros xuntando recursos cun obxectivo común, cinco dos cales son galegos. “Somos a maior forza tecnolóxica privada do país”, sinalan dende o ITG.
No comunicado do instituto coruñés faise saber que o que son a disposición da Administración xeral do Estado non só recursos tecnolóxicos en si mesmos, senón tamén humanos e de de xestión, ao que cómpre engadir a “nosa capacidade de xeración e explotación de coñecemento en todos e cada un dos sectores económicos e sociais nos que operamos”.
Máis de 4.500 investigadores e tecnólogos traballarán de forma coordinada nas prioridades marcadas polo Goberno para facer fronte aos retos que se poñan de manifesto no escenario actual e futuro nos seus múltiples ámbitos da súa actividade e competencia.
En palabras do presidente e director xeral de ITG, Carlos Calvo, “os centros tecnolóxicos de España aglutinan coñecemento, capacidades e equipamento para acometer, de forma coordinada, calquera reto que nos demande o país. Non houbo dúbidas, a totalidade do colectivo porá todos os seus recursos ao servizo das necesidades que determine as distintas Administracións do Estado. Suporá unha mobilización de coñecemento tecnolóxico desde o sector privado sen precedentes en España”.

PUBLICIDADE