Parkapp celebra o seu segundo aniversario
venres, 17 de xullo do 2015
A aplicación galega
Parkapp, dirixida entre outras
cousas a facilitar aos condutores a localización do aparcamento máis
próximo coa axuda dos seus dispositivos, cumpre esta fin de semana
dous anos de vida (máis polo miúdo o domingo 19), un acontecemento
que os seus responsábeis non queren deixar de salientar. Por este
motivo, lanzaron
na Rede un vídeo conmemorativo que ten unha dupla finalidade:
por unha banda celebrar o dito aniversario e, pola outra, achegar “un
pouquiño máis á xente a idea de como funciona dentro unha startup
como Parkapp”. No vídeo destácase o valor do traballo en equipo
e, sobre todo, a satisfacción que dá o feito de “sacar entre
todas e todos un proxecto adiante”.
Lembrar que en abril
deste ano (e facendo un pouco de reconto de éxitos recentes), a
empresa estableceu
un acordo coa plataforma Plusvecinos para lanzar unha nova
funcionalidade que engadir á súa xa completa listaxe de servizos.
Segundo nos contaron dende Parkapp, a devandita funcionalidade nova
consiste en ofrecer ás comunidades de veciños a súa tecnoloxía co
fin de que a empreguen libremente para entrar nos seus garaxes,
reemprazando os mandos a distancia pola devandita ferramenta e
poñendo en xogo un factor a ter moi en conta: o factor aforro.
Lembrar tamén que Parkapp, amais de facilitarnos o acceso ao
garaxe, foi lanzada co obxectivo de axilizarnos a procura de praza de
aparcadoiro máis próxima, achegando tamén información sobre
prezos e realizar reservas de espazos de aparcamento a través do
móbil, incluíndo descontos. Parkapp funciona, a maiores do
devandito, como unha aplicación de balde que permite xeolocalizar ao
usuario, ofrecer a ruta máis curta para chegar a un parking
e, a través dun código QR, acceder ao aparcamento sen utilizar
ticket.