Unha curta feita por nenos españois e xordanos: nova achega ao festival galego Animacam.tv

martes, 18 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

O festival galego Animacam.tv vén de anunciar o seu apoio á irmandade tecnolóxico-audiovisual entre nenos españois e xordanos posta en marcha os días pasados por PDA co fin de unir culturas a través da creatividade. Máis polo miúdo, o dito certame en liña (que se organiza dende Sandías, Ourense, para comunicar entre si a internautas e animadores de todo o mundo), daralle acubillo á obra colectiva dos dezaoito rapaces de ámbalas dúas nacionalidades que puxo en contacto a entidade PDA (Pequenos Debuxos Animados) en colaboración co Instituto Cervantes. A toma de contacto serviu entre outras cousas para que os nenos lle desen forma a O meu amigo Amyad, curtametraxe feita en só cinco días dende o centro que o Instituto ten en Ammán (Xordania).
O filme, que ten unha duración de oito minutos, está baseado na vida de dous beduínos do deserto de Wadi Rum. Os rapaces, entre outras cousas, encargáronse da realización dos debuxos, os fondos e o desenvolvemento da idea argumental.
O seu traballo, como dixemos, tivo o xermolo na asociación PDA, colectivo de artistas audiovisuais que promove a creatividade nas idades máis temperás. O equipo da asociación está composto por Mario Torrecillas (director), Tyto Alba (debuxante e animador), David Borrull (realizador de animación) e Pablo Hernández (experto en artes visuais). O papel de Animacam.tv neste proxecto consistiu en seleccionar o traballo para o seu concurso na categoría de Curtametraxe da Sección Oficial, sumando así xa 70 filmes de 27 países para esta súa terceira edición, a catro meses aínda da fase se votación. En palabras dos propios responsables do certame galego, “este é un claro exemplo de como Limaia, a produtora con sede en Sandías que promove o festival, pretende ser punto de encontro entre creadores de debuxos animados e internautas de todo o mundo, como o é o Camiño de Santiago para a Humanidade”.

PUBLICIDADE