Xeopesca xa é asociación de software libre

xoves, 30 de xaneiro do 2014 Redacción

O equipo responsable da aplicación galega Xeopesca, agora asociación

A aplicación galega Xeopesca, da que falamos recentemente con motivo de ter recibido o Premio ao Mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre e máis o recoñecemento duplo dos usuarios de Portalprogramas.com é xa unha asociación co obxectivo de achegar “un proxecto colectivo e social”. Xeopesca, que tamén concorre nesta edición número 10 dos Premios EGANET (é finalista na categoría de aplicación de software), xurdiu como iniciativa de fin de carreira de Pablo Belay, estudante da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, que quixo con esta ferramenta pór ao alcance da man de patróns e armadores de empresas pesqueiras un recurso útil e libre, adaptable ás súas necesidades particulares.
A idea é permitir o acceso á información sobre caladoiros ou rutas e posibilitar tamén a creación dese coñecemento. Segundo salientaron os responsables de PortalProgramas, estamos perante “a primeira ferramenta deste tipo en software libre que hai, unha aplicación que posibilita aos pescadores competir contra as grandes multinacionais que xa contan con sistemas avanzados de software privativo”.
Pos ben, segundo nos contan dende Praza Pública reflectindo informacións de primeira man de Pablo Belay, o obxectivo agora é que Xeopesca comece a ser concibida como un elemento claro de defensa contra as grandes corporacións do sector marítimo: unha peza clave para fomentar a competitividade e o traballo en común dos nosos barcos. Dalgunha maneira, non se trata só de levar o software libre aos nosos mariñeiros, senón de abrirlles a porta ás metodoloxías de traballo da comunidade de software libre. Segundo conta Belay, Xeopesca é máis ca nunca un proxecto colectivo e social, unha iniciativa que non conta con apoios das administracións (alén do galardón devandito) e que xa é, en toda regra, unha asociación de software libre. De feito, xa foron validados os seus estatutos o pasado 21 de xaneiro pola Xunta de Galicia.
A asociación conta con Pablo Belay como presidente; Miguel A. Rodríguez Luaces (profesor doutor da UdC) como vicepresidente; Xosé Rial (analista informático) como secretario; Pablo Argibay como tesoureiro; e Aitor Gaspar Romero e Rut Devesa Arnoso como vogais. Os obxectivos principais da asociación serán “desenvolver, promocionar e divulgar o uso das ferramentas libres na sociedade” e “promocionar a pesca sostible e responsable" e "divulgar os valores da pesca artesanal e ecolóxica”.
<br