Yoigo e Orange convocan aos seus clientes para o envío de axuda solidaria a Haití

luns, 18 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

As operadoras de telefonía semella que están a tomar partido no achegamento de axuda a Haití. Unha das máis activas é Yoigo, que perante os tráxicos acontecementos que está a sufrir o pobo haitiano vén de pór en marcha en colaboración coa Cruz Vermella o número 5280 co fin de recadar fondos que logo irán dirixidos de maneira íntegra á dita ONG internacional. A idea da operadora é apoiar na medida do posible o traballo na illa da organización, unha das que máis recursos ten ao seu alcance (por experiencia e tamén por continxentes) para coordinar as axudas e evitar que estas fiquen en mans de persoas armadas ou ben de xente que só quere facer negocio coas mesmas.
O plan de Yoigo é o seguinte: por cada usuario de móbil que envíe unha mensaxe de texto coas letras CR ao 5280, farase chegar o importe total da mensaxe (1,04 euros) á dita axuda humanitaria.
A maiores, a empresa non cobrará aquelas chamadas e mensaxes que os clientes fagan a Haití, medida que se manterá até o vindeiro 22 de xaneiro, coa opción de prorrogarse.
Asemade, a operadora conta xa cun banner na súa web dende o que se achegan recursos para que os clientes da compañía poidan canalizar as súas doazóns.
Amais de Yoigo, entre as operadoras de ámbito español cómpre salientar o traballo de Orange, que vén de pór en marcha unha campaña para que os seus clientes contribúan a prol de UNICEF en solidariedade con Haití. O único que terán que facer os usuarios dos seus servizos é enviar un SMS coa palabra “Haití” ao número 28050, e o custe íntegro do mesmo (1,2 euros) dirixirase á zona afectada polo terremoto.
Outra das compañías que tamén está a mobilizar aos seus clientes, aínda que de distinto xeito, é Telefónica, que vén de habilitar na súa páxina web unha xanela coas ligazóns ás principais plataformas solidarias e humanitarias que están a desenvolver o seu traballo no país caribeño, ligazóns que subministran todo tipo de datos sobre os pasos a seguir para efectuar as axudas.

PUBLICIDADE