Vodafone España investiu 2.308 millóns de euros en rede móbil en 5 anos
luns, 10 de xuño do 2024
Vodafone España celebra este mes de xuño o cinco aniversario do lanzamento da primeira rede comercial 5G do mercado español, unha liña de traballo na que a operadora investiu 2.308 millóns de euros en rede móbil para levar a particulares, empresas e administracións os beneficios das redes móbiles ultrarrápidas.
No seu balance, Vodafone indica que a día de hoxe máis de 2 millóns de clientes contan con tarifas 5G ilimitadas en datos e a cobertura 5G acadara a finais deste ano máis do 82% da poboación e a un total de 2.700 municipios, e amais, indica a compañía, “superando as obrigas de despregadura comprometidas”. Ademais, co propósito de “continuar reducindo a brecha rural”, Vodafone despregará 5G en 147 poboacións de menos de 1.000 habitantes e en 553 poboacións entre 1.000 e 50.000 habitantes.
Julia Velasco, directora de Tecnoloxía e Operacións de Vodafone España, comentou: “O noso obxectivo é proporcionar a mellor conectividade e facilitar a inclusión dixital para que os usuarios gocen sempre da mellor experiencia de rede desde calquera lugar. Demostrouse que incrementos no nivel de dixitalización tradúcense automaticamente en incrementos de produtividade e do PIB”.
Cinco anos despois do lanzamento da primeira rede 5G, Vodafone conta con máis de 60 dispositivos no seu catálogo e desenvolveu máis de 200 casos prácticos 5G en colaboración con administracións, empresas e startups en múltiples sectores de actividade, incluíndo emerxencias, transportes, sanidade, industria 4.0, turismo ou agricultura, entre outros.
Ademais, indica a operadora, “grazas á nosa despregadura da rede 5G, que multiplica por 10 a velocidade respecto á rede 4G, máis de 2.000 pemes elixiron solucións de conectividade como Vodafone Fogar 5G, servizo de banda larga ultrarrápida cun router sen fíos e que conta cun índice de satisfacción do 91% entre os clientes que o utilizan.