Anunciado o remate definitivo da iniciativa One Laptop Per Child

martes, 25 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

Os ordenadores impulsados por Negroponte nunha aula de Primaria de Kigali, Ruanda / Imaxe de Cellanr vista en Flickr

Que foi da iniciativa One Laptop Per Child (OLPC) coa que se pretendía equipar a cada neno do planeta cun computador de reducidas dimensións? A iniciativa, posta en marcha en 2007 e impulsada polo profesor Nicholas Negroponte, leva anos esmorecendo. Cal foi a estocada definitiva? Pois probablemente a marcha de Intel, que anunciou a comezos de 2008 que deixaba o proxecto, emprazándoo practicamente nunha situación precaria de desenvolvemento. A iso cómpre engadir logo a imposibilidade de cumprir o obxectivo inicial de pór na rúa computadores para os nenos a cen dólares. Por certo que en 2009, a iniciativa OLPC foi recoñecida (daquela maneira) co premio Fiasco do Ano. E que pasa agora? Pois que definitivamente morreu. Descanse en paz.
E non deixa de ser unha mágoa, e grande, que un proxecto coma este tivera fracasado. As arelas que o alentaron non podían ser máis encomiables: acabar coas fendas que separan o mundo desenvolvido do mundo por desenvolver a través do remate dunha fenda ben concreta, a dixital. A idea era permitir que tódolos nenos dos países menos favorecidos tamén estivesen na Sociedade da Información, tirando partido dela. Pero non puído ser, malia que o arranque e as fases posteriores de implantación fosen boas e esperanzadoras en países como Ruanda ou Uruguai. Segundo nos lembra Iván Martínez dende Cidade de México, marzo de 2014 comezou coa triste nova de que o proxecto impulsado por Negroponte, “amplamente apuntado como a paradigma das tecnoloxías da información nunha dispoñibilidade global”, anunciou definitivamente o remate da súa actividade.
Facendo un pouco de historia, dicir que o proxecto arrancou a mediados da pasada década, como dixemos, coa arela de democratizar as TIC dende a nenez e facendo fincapé nos países menos potentes economicamente. A idea era arriscada e tamén o foi o deseño da mesma: tratábase de ter entre mans un aparello que rompía moldes coa súa feitura (reducida ao máximo, coa seu inconfundible cor verde e incluíndo unha fonte manual de abastecemento de enerxía) e arredábase do convencional co seu prezo. O obxectivo era, ceibándoo ao máximo de accesorios hardware que podían ser desbotables e incluíndo no seu seo software libre, ofrecer un produto que non fose alén dos cen euros. Para acadalo, tamén se aforrou en embalaxe e publicidade. Nun comezo, chegáronse a formalizar acordos para distribuílo nunha vintena de países.
O problema veu despois. Á perda do apoio de Intel houbo que sumar a de Google ou AMD. O resultado: só se distribuíron pouco máis de dous millóns de aparellos en países en vieiros de desenvolvemento. A competencia foi dura e nin sequera a tentativa de converter os aparellos en tablets (medida dada a coñecer en 2012, no marco da feira Consumer Electronics Expo de Las Vegas) conseguiu reanimar a iniciativa. A situación empeorou xa nos últimos anos, coa chegada de móbiles e dispositivos en xeral máis baratos, boa parte deles con meirandes e máis amplas funcionalidades cás ofrecidas polo proxecto OLPC. Con todo, tamén hai que dicir que países como Uruguai semella que seguirán adiante coa iniciativa, xa que estes ordenadores son unha parte fundamental do seu programa Plan Ceibal, proxecto de formación e alfabetización dixital liderado polo presidente José Mujica. O Goberno de Uruguai anuncio que a iniciativa OLPC foi un éxito no país, e que se prolongará malia o remate da actividade do proxecto internacional.