O proxecto InterArtyve Books lanza en outubro o seu primeiro libro-aplicación

luns, 22 de xullo do 2013 Redacción

Os libros están cambiando. Xa non só na edición e na distribución, senón tamén no xeito de facérense e nos contidos que acubillan. Até certo punto é normal, e está ben que así sexa sempre e cando aos lectores non se nos encareza a afección literaria (non soe ser o caso) e as posibilidades de publicar libros de calidade se incrementen. As comunidades de estudantes e investigadores ligados ás universidades non queren vivir de costas ao proceso, é o caso da Universidade de Vigo, que nos informa este luns do proxecto InterArtyve Books, unha proposta para favorecer as condicións idóneas para un novo xeito de libro, un libro-aplicación “que facilite a aprendizaxe de pequenos e maiores ao tempo que xogan e gozan dos seus dispositivos móbiles”. A iniciativa, que foi unha das gañadoras no certame Incuvi 2013, vén da man de dúas alumnas da UVigo, Alba Blanco e Estefanía Moreno.
Para impulsar o seu proxecto contan con diversas formas de apoio da institución educativa, entre as que se conta a entrega dun equipo informático axeitado para o seu traballo, que foi achegado os días pasados pola vicerreitora do campus, Antonia Blanco, acompañada da presidenta da Asociación de Empresarios Novos AJE Pontevedra, Lucía Pedroso.
Arestora, Alba e Estefanía xa teñen perfilados case todos os detalles do que será o seu primeiro lanzamento ao mercado, a presentarse en outubro. Falamos de Personajario Interactivo, incursión no mundo da creación e produción deste tipo de contidos, é unha aplicación que xorde abeiro da segunda edición do Incuvi quese estendeu tamén ao campus de Pontevedra. En detalle, estamos ante unha achega colectiva de 30 artistas galegos (entre os que se contan o fotografo Miguel Vidal, a ilustradora de cómic Roberta Vázquez, a blogueira Sofía Centeno ou os escultores Twe Muizen) que adquire feitura de portfolio interactivo con carácter lúdico e co valor de constituírse en ferramenta de primeira orde para coñecer os traballos e as figuras dos ditos creadores. A aplicación estará dispoñíbel ao comezo só para dispositivos Apple e poderá descargase dende a App Store para iPad a non máis de seis euros por descarga. Grazas a esta ferramenta, comentan, “estamos ante un novo concepto de libro que aproveita ás características e funcionalidades de estes dispositivos móbiles e tamén aos cambios que se producen no eido das novas tecnoloxías”.

PUBLICIDADE