O xogo Tatsunoko vs Capcom chegará a Occidente

martes, 19 de maio do 2009 Marcus Fernández

Os usuarios nipóns da Wii levan un tempo podendo gozar do xogo de loita Tatsunoko vs Capcom, que enfronta a personaxes de Tatsunoko (compañía responsable de series de animación coma Comando G, Casshern, Macross ou Evangelion) cos loitadores habituais das sagas de Capcom coma Street Fighter, pero contaba cun serio problema para a súa internacionalización, xa que nos EE.UU. os dereitos das series de Tatsunoko pertencen a diversidade de compañías coas que resultaba complicado chegar a un acordo, que parece terse acadado, pois informacións semi-oficiais dan a entender que a versión norteamericana do xogo presentarase publicamente durante a feira E3.
A versión occidental do xogo pasaría a chamarse Tatsunoko vs Capcom: Ultimate All-Stars, que contaría cun modo de xogo en liña, melloras no deseño das barras de vida, novos personaxes (o que resulta bastante lóxico, atendendo a que algúns son pouco coñecidos nas nosas terras, mentres que hai grandes ausencias do catálogo de Tatsunoko: ¿Chicho Terremoto? ¿Os Gatos Samurais?) e algunhas outras novas opcións e características.
Ante a dúbida de se o xogo tamén gozaría dunha versión para o mercado europeo, un dos responsables dos foros oficiais de Capcom asegurou que si veriamos este título por aquí, aínda que admitindo que non podía dar máis detalles polo momento.

PUBLICIDADE