R axudará a proxectos emprendedores galegos achegándolles os seus servizos de balde

mércores, 19 de xullo do 2017 Redacción

Esta mañá presentouse na cidade da Coruña o director xeral de R, Alfredo Ramos e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, presentaron o programa Startups R que conecta a tecnoloxía e a capacidade innovadora de R con startups, aceleradoras, clientes e sectores produtivos para promover a innovación e o emprendemento en Galicia. Ese novo programa vai dirixido a emprendedores tecnolóxicos e a emprendedores non tecnolóxicos pero si innovadores que teñan un proxecto de alcance global.

Até un cento de empresas

As áreas estratéxicas nas que R valorará o potencial de cada iniciativa son a Internet das Cosas, a intelixencia artificial, as redes Wi-Fi e 5G, a ciberseguridade, a Industria 4.0 e os novos contidos.
O director xeral de R, Alfredo Ramos, asegurou que «a intención, nesta primeira edición do programa de Startups R, é chegar a até 100 empresas que traballen nas áreas clave. A todas elas R ofrécelles apoio con servizos, equipamento e formación sen contrapartidas, para que poidan desenvolver os seus proxectos tecnolóxicos con máis desafogo».
Deste xeito, R apoiará desinteresadamente ás empresas emprendedoras seleccionadas brindándolles servizos de telecomunicacións de balde e servizos avanzados de datacenter (Internet 350 Mbps, 3 liñas fixas, 3 liñas de móbil 4 GB, web + dominio + caixas de correo e até 3 servidores virtuais con conexión simétrica e almacén SAM flexible 200 GB), equipamento para desenvolver, formación e obradoiros de traballo, networking e visibilidade, publicidade conxunta e tamén patrocinada, ou mesmo estudos de merca de produtos e servizos por parte de R.
Ademais, as startups poderán optar a un estudo tecnolóxico ou de mercado do seu produto asociado á rede de R ou á súa capacidade de comercialización, traballando coas áreas técnicas ou de marketing para adaptar a súa proposta e recibir orientación.
Estes servizos do programa, que comezará deseguido, serán gratuítos ao cen por cento durante un ano e renovables ata dous anos tamén de balde.

Con apoio das aceleradoras

O programa Startups R apoia as iniciativas que teñan recibido aprobación por parte das aceleradoras implicadas, entre elas, ABANCA Innova, BFA, Conector Galicia, Incuvi Emprende, ViaGalicia e Zarpamos (presentes no acto celebrado esta mañá na sede central de R), e nel poden entrar os proxectos incluídos nos últimos 3 anos neses programas de apoio (preto dun total de 70 no caso das devanditas aceleradoras).
Jorge Gómara, de BFA, asegurou que, «esta iniciativa de R resultará de grande apoio aos proxectos participantes no Business Factory Auto, grazas á achega deses servizos de telecomunicacións, equipamento, formación, networking e publicidade... Unha maneira interesantísima de complementar os nosos servizos e de potenciar o emprendemento e a innovación en Galicia».

Na procura dun ecosistema emprendedor

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, subliñou «a importancia de crear en Galicia un ecosistema emprendedor liderado pola innovación e o talento, un eido no que está a xogar un papel fundamental a Rede Galega de Aceleradoras impulsada pola Xunta, que permitiu o desenvolvemento, nos catro últimos anos, de 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros». Do mesmo xeito, apuntou «a necesidade de avanzar na modernización do tecido produtivo a través da transformación dixital, buscando a implicación, tanto das empresas do sector tecnolóxico, como do conxunto da industria».

ABANCA Innova é unha das aceleradoras que colaborará con Startups R

PUBLICIDADE