#SilverBullet18 celebrarase o 27 de setembro na Cidade da Cultura

mércores, 5 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Diciámolo os días pasados dende a web de Código Cero: setembro e outubro prometen compensarnos con grandes acontecementos TIC, logo do baixón de agosto, tanto en materia de novidades TIC como en cuestión de grandes eventos nos que intercambiarmos ideas e coñecemento innovador. Sen dúbida un destes grandes acontecementos “compensatorios” é a segunda edición do Congreso de Xestión de Proxectos, #SilverBullet18, organizado novamente polo CPETIG (o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia). A cita, segundo nos confirmou a entidade profesional galega, celebrarase finalmente o 27 de setembro, na Cidade da Cultura.
O CPETIG tamén confirma que esta edición centrarase nas novas tendencias na dirección de proxectos e xestión de persoas no ámbito TI. Organizado en colaboración coa axencia AMTEGA, o foro está concibido “como un foro de debate dirixido a empresas e profesionais ligados á xestión e á dirección de proxectos tecnolóxico-dixitais, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais nesta área”.
Ademais, outro dos seus grandes obxectivos é derrubar barreiras entre a oferta e a demanda do sector da xestión de proxectos, achegando “un espazo de encontro para propiciar un intercambio de información e opinión entre as persoas asistentes”. En base a isto, búscase fomentar a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado, amais de contribuír a amosar as tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos software.
En termos máis concretos e de programa de actividades, a xuntanza artéllase en catro relatorios, presentados por algúns dos máis relevantes profesionais do panorama actual, e unha mesa de debate. Para explorar as tendencias comunitarias, abrirá a sesión Laurent Kummer, co relatorio Open Pm2. En Europa xogamos así. Kummer, segundo informa o CPETIG, é co-autor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM², e autor da obra de éxito The Lean Project Management, publicada en 2017. En posesión da certificación Lean Six Sigma Black Belt, Kummer é pioneiro e promotor activo da xestión de proxectos lean.
De seguido, Rafa García intervirá co título ¿Funciona? ¡Non fagas nada!… Ou si? García é Project Management Professional, Certified Scrum Master, Premio Best Evernote EMEA consultant 2018 e fundador de Valor 2.0. Na sesión organizada polo CPETIG exporá a súa visión como experto en produtividade persoal e contornas colaborativas.
O terceiro relatorio, Ser un gran sitio para traballar está tirado. Seguro?”, será presentado por Santiago Cabaleiro, responsábel de Valor Persoas do Grupo Visual MS, empresa viguesa premiada como Best Workplace 2017. Licenciado en Administración e Dirección de Empresas, incorporouse ao Grupo Visual MS no primeiro ano da súa constitución, en 2005 asumiu a Coordinación de Visual Trans, empresa especializada en solucións software de xestión para transitarios, axentes de aduanas, consignatarios e operadores loxísticos integrais.
O cuarto relatorio propón a pregunta Existen os equipos felices en TI?. Será presentado por Santiago Vázquez, director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrei (México). Doutor en Economía pola USC, sociólogo, economista e licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid, é tamén autor do libro La felicidad en el trabajo… y en la vida e foi director de Persoas de R, onde desenvolveu un modelo de xestión orientado á felicidade no traballo, aplicando a psicoloxía positiva.
O evento #SilverBullet18 rematará cunha mesa de debate, moderada por Berta Candendo, licenciada en Informática e responsábel de Content Factory en Netex Learning.
A edición do ano pasado
Como lembraremos, a edición do ano pasado, celebrada en maio, foi un éxito de público (contou coa presenza dun cento de profesionais, entre representantes das nosas empresas, investigadores, expertos e docentes), de repercusión mediática e de coñecemento xerado. Entre os relatores da edición anterior figuraban José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos e promotor do Capítulo PMI en Galicia; Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; Susana Gómez Carnero, directora executiva en Origami Soluciones e directora executiva de BNI Galicia; Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; ou Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, compañía que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.
Respecto do nome do congreso, #SilverBullet, lembrar que está inspirado nun “coñecido antipatrón” da xestión de proxectos, ou sexa, un concepto que serve de “anti-referente” para darmos da maneira máis doada posíbel co camiño de desenvolvemento empresarial polo que nunca, baixo ningún concepto, debéramos introducirnos: o camiño de algo que xa foi probado e que deu sinais claros de non ser de utilidade ou requirido ou demandado. Silver Bullet sería polo tanto “a bala de prata”, un concepto acuñado polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 en alusión á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstro polos adiamentos, os custos, a calidade, etc, volva ser un proxecto ben xestionado, “algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata”.
Quen precise máis información sobre o evento ou ben formalizar a inscrición poderá facelo na web específica do congreso, silverbullet.cpetig.org.

PUBLICIDADE