#SilverBullet18 lembrou a importancia do factor humano nos proxectos TIC

xoves, 27 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Co tempo, un tempo non moi afastado, as novas tecnoloxías poderán facer múltiples operacións por nós. Sobre todo, á hora de avaliar e tratar grandes cantidades de datos e extraer conclusións de valor (análise de Big Data). Porén, o factor humano segue e seguirá sendo o factor decisivo. Necesita un proxecto TIC do noso talento e do noso equipo? Que non haxa dúbida ao respecto, e de metodoloxías para que abrolle libre (o talento) falouse hoxe na segunda edición do Congreso de Dirección de Proxectos, #SilverBullet18, organizado polo CPETIG (o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia). A cita, celebrada no edificio CINC da Cidade da Cultura, contou cun cento de asistentes e con relatoras e relatores de primeiro nivel.
O foro, organizado en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA, xirou arredor de novas tendencias en dirección de proxectos e xestión de persoas no ámbito das novas tecnoloxías. Participaron representantes de empresas e profesionais centrados na xestión e na dirección de proxectos tecnolóxico-dixitais, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais nesta área.
Un dos seus grandes obxectivos foi derrubar barreiras entre a oferta e a demanda do sector da xestión de proxectos, achegando “un espazo de encontro para propiciar un intercambio de información e opinión entre as persoas asistentes”.
A xuntanza artellouse en catro relatorios, presentados por algúns dos máis relevantes profesionais do panorama actual, e unha mesa de debate.
Na inauguración da xornada, o presidente do CPETIG, Marcos Mata, falou do valor de “poñer en dúbida as cousas tal e como sempre as fixemos” e neste contexto, dixo agardar que o congreso sirva “para que os relatores consigan precisamente iso, facernos poñer en dúbida o que fixemos sempre”. Pola súa banda, o director de Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da AMTEGA, Adrián Lence, destacou na súa intervención a potencia do sector empresarial TIC en Galicia e o impulso dixital de Galicia por parte da Administración.
O congreso #SilverBullet18 achegou unha ollada internacional a través da experiencia de Laurent Kummer, co-autor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM², e autor do libro de éxito The Lean Project Management. No seu relatorio, describiu as vantaxes da PM2 Guide, nunha exposición de fondo contido técnico na que pasou revista á súa ampla experiencia neste eido.
O segundo relator, Rafa García, fundador de Valor 2.0 e experto en produtividade persoal e contornos colaborativos, puxo de relevo a eficacia de ferramentas como Evernote ao obxecto de gardar, ordenar e estruturar de maneira accesíbel todo o conxunto de experiencias e ideas acumuladas que, “debidamente organizadas son un tesouro”, explicou.
Santiago Cabaleiro, responsábel de Valor Persoas do Grupo Visual MS, desvelou no seu relatorio o “sistema de boas prácticas” que levou a esta empresa viguesa da que é directivo a ser nomeada Best Workplace 2017. Entre esa listaxe de boas prácticas, enumerou como primeiro factor “unha boa remuneración”, porque “o salario emocional non é suficiente”, argumentou. A clave, engadiu, tamén se basea en “crear relacións de confianza no equipo”. Segundo fixo saber, o sistema posto en práctica con éxito por Visual MS inclúe tamén o fomento do desenvolvemento persoal e profesional ou a rotación de postos de traballo cada cinco anos.
Foi no concepto de satisfacción no que incidiu tamén no seu relatorio Santiago Vázquez, director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrei (México). Na súa opinión, mentres o éxito no século XX medíase en termos de resultados económicos, no século XXI mídese “en termos de satisfacción dos equipos”. Segundo fixo saber, o traballo ten un gran impacto na calidade de vida de cada persoa, se ben recoñeceu que pode resultar “transgresor soster que o traballo é unha fonte de felicidade, tendo en conta que levamos no ADN unha idea diametralmente oposta e que etimoloxicamente a palabra negocio significa a negación do ocio”. A clave, dixo, é “que cada persoa busque retos acordes ás súas capacidades, para evitar frustracións”.
#SilverBullet18 rematou cunha mesa redonda, moderada por Berta Candendo, responsábel de Content Factory en Netex Learning, que xerou un vivo faladoiro co público sobre as cuestións máis candentes expostas nos relatorios.

PUBLICIDADE