Tony Hawk podería contar en breve cun xogo para o iPhone

xoves, 14 de maio do 2009 Marcus Fernández

Nos últimos días apareceu en YouTube un vídeo no que se podía ver cómo sería a versión para o iPhone do xogo Tony Hawk’s Pro Skater 2 que espertou bastante interese entre os afeccionados aos xogos de patinaxe. Finalmente dende LTI Gray Matter (compañía que levara o xogo ao PC no 2000) confirmaron que o vídeo era verídico, pero que nun principio non atendía a un encargo de Activision (compañía cos dereitos da franquía) senón que estaba a ser desenvolvido para crear un motor e unhas ferramentas que permitisen explorar os límites do iPhone, o que parece que conseguiron, xa que a demo que se puido ver presenta uns gráficos excelentes, bo son e unha velocidade axeitada, superando as expectativas que a compañía tiña postas no dispositivo de Apple.
Agora os programadores contactaron con Activision por se teñen interese en publicar o xogo, o que podería non ser así, e retiraron o vídeo de YouTube no que se vía o xogo en desenvolvemento (pois o puxeran alí para presentarllo a Activision e a Tony Hawk, e non para que o vise o público xeral). ¿Chegará o título en breve á App Store de Apple? É posible, pero tamén podería ser rexeitado por parte de Activision para evitar que os estudos comecen a facer desenvolvementos non solicitados sobre as súas franquías (o que podería causar moitos conflitos no futuro).

PUBLICIDADE