A Rede de Telecentros acolle en xuño un seminario de boas prácticas do CPETIG

venres, 21 de maio do 2010 Raquel Noya

No marco do convenio asinado coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para colaborar co ente público en materia de novas tecnoloxías e Internet, o CPETIG vén de anunciar a celebración dunha serie de actividades no Seminario de Boas Prácticas en Xestión de Proxectos, que se desenvolverá en Santiago de Compostela o vindeiro 17 de xuño.
Os actos, que terán lugar no Telecentro da capital galega, serán retransmitidos por videoconferencia aos telecentros de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo e dende alí as persoas asistentes poderán participan no seminario realizando preguntas ou comentarios aos relatores.
O obxectivo deste seminario, que vai destinado a profesionais do sector TIC ou estudantes que desexen ampliar os seus coñecementos nesta materia, é presentar relatorios para afondar nos conceptos clave para a xestión de proxectos exitosos no eido da informática nun marco de referencia práctico, dando unha visión ampla ao traballo de enxeñeiros e analistas.
Para isto os relatores convidados, entre os que destacan José Luis Iparraguirre, Carlos G. Jardón, José Ramón Díaz e David Esmerodes, introducirán a visión das boas prácticas en xestión de proxectos en dous marcos metodolóxicos diferenciados: o modelo CMMI e as metodoloxías áxiles.
O seminario tamén contará coa presenza do INTECO a través de Iñigo Tomé, que dentro da súa presentación realizará unha exposición dos servizos que ofrece a entidade que representa.
O programa deste seminario, que é de balde para tódalas persoas asistentes, inclúe asemade estes outros relatorios:

15:30 h: Entrada e rexistro no telecentro
16:00 h: Presentación
16:10 h: A seguridade e as súas certificacións nas PEME. Os SXSI. Iñigo Tomé (INTECO) dentro da súa presentación, realizará unha exposición dos servizos que ofrece o Inteco.
17:00 h: As bases do axilismo: Os principios. David Esmerodes (responsable do grupo de axilismo en Galicia áxil-mente)
17:30 h: Os principios áxiles aplicados: Scrum. José Ramón Díaz (xefe de proxectos en Biko, membro de agile spain)
18:20 h: Descanso de 10 minutos.
18:30 h: A xestion de proxectos como pilar da calidade. Carlos G. Jardón (coordinador de proxectos de banca na Dirección Xeral de Outsourcing en Tecnocom, PMP e EMBA)
19:00 h: A mellora cuantitativa. José Luis Iparraguirre (é High Maturity Lead Appraiser, sendo o único español certificado para avaliacións dos niveis 4 e 5 de CMMI)
19:50 h: Despedida e peche.

Para inscribirse neste seminario, as persoas interesadas deberán cumprimentar unha inscripción, disponible na web do Colexio indicando ademáis dos seus datos, o telecentro ao que desexa asistir. O prazo de inscrición vai do 18 de maio ao 11 de xuño, e o formulario para inscribirse deberá ser remitido por e-mail a boaspracticas@cpetig.org co asunto Inscrición seminario boas practicas ou por fax ao 981 937 831.

PUBLICIDADE