A UVigo participa nunha rede internacional para favorecer o acceso a contidos educativos dixitais

mércores, 26 de xuño do 2013 Redacción

A Universidade de Vigo acolleu a presentación da Rede Iberoamericana para a Usabilidade de Repositorios Educativos (RIURE), unha iniciativa posta en marcha ao abeiro do programa CYTED e que se dirixe, entre outras cousas, a traballar a prol dun ensino en liña máis accesíbel, completo e sinxelo de atopar. A rede, que nun principio terá actividade durante catro anos, está constituída por 48 tecnólogos e pedagogos de sete grupos de investigación e dúas empresas de España, Portugal, Brasil, Arxentina, Uruguai, Ecuador e Perú. Xuntos crearán as ferramentas precisas para facilitar a procura dos contidos educativos dixitais e o seu posterior uso na ensinanza primaria, secundaria ou universitaria. A idea non crear máis repositorios, senón quitarlles todo aquilo que os faga invisíbeis ou inaccesíbeis para un membro calquera da comunidade educativa. Sacarlles, en definitiva, a palla da linguaxe excesivamente tecnolóxica e amosar o seu miolo e o seu potencial.
Segundo explica Martín Llamas, un dos investigadores que participará no proxecto por parte da UVigo (coordinadora e líder de RIURE), os repositorios funcionan como unha base de datos na que se almacenan contidos dixitais creados por profesores, editoriais, universidades, empresas… que axudan a divulgar a produción intelectual dos traballadores de distintas institucións. “O problema” di, “é que no caso dos educativos eran empregados até o de agora principalmente por profesores con certos coñecementos e inquietudes, de aí a necesidade de mellorar a usabilidade e ampliar así o tipo de público que os utiliza sen que teñan a necesidade de aumentar os seus coñecementos técnicos”.
Nas primeiras xuntanzas da Rede, informa a UVigo, os parceiros deseñarán as estratexias, establecerán as accións a desenvolver, repartirán os paquetes de traballo e, en definitiva, debuxarán o futuro dun proxecto “fundamental dende o punto de vista da Universidade de Vigo”, como salientou o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, para quen ser o líder desta iniciativa permite “non só ter información de primeira man sobre calquera avance que haxa, senón tamén exercer de socios de confianza para futuros proxectos relacionados coa xestión de contidos educativos”.

PUBLICIDADE