Chega Vodafone Bit, tarifa cen por cen dixital

luns, 5 de novembro do 2018 Redacción

A operadora Vodafone comezou esta semana presentando novidades importantes para clientes de facto e, tamén, para clientes potenciais. Estamos a falar de Vodafone Bit, que segundo a empresa de telecomunicacións constitúe a primeira tarifa cen por cen dixital do mercado. O seu obxectivo, así, é “dar resposta ao crecente número de usuarios que requiren unha experiencia e unha xestión en liña”.
A iniciativa, que quere ser un paso diante no camiño da sinxeleza e a interacción dixital en materia de relación co cliente, inclúe dous factores diferenciais: por unha banda unha nova web con tenda online incorporada e atención ao usuario exclusivamente dixital (dende a mesma contratación e abranguendo todos os procesos de relación co cliente) e, pola outra, dous únicos plans de prezos. Estes son: o plan Móbil + Fibra (que abrangue chamadas ilimitadas e 25GB, e fibra de 100 Mbps por 50 euros ao mes) e o plan Móbil (que incorpora chamadas ilimitadas e 25GB por 25 euros ao mes).
Vodafone, a maiores do devandito, explica que no que respecta a Vodafone Bit, a interacción co cliente é directa e sinxela a través do asistente bit na aplicación móbil de seu (dispoñíbel en Android Market e iOS), o servizo de atención online posto ao servizo do usuario na súa área privada, a “través do cal poderá resolver as súas dúbidas sen necesidade de chamar ou acudir a unha tenda”.

PUBLICIDADE