Dygra Films leva ao neno Xesús ao Festival de Cannes

martes, 18 de maio do 2010 Raquel Noya

O Boulevard de La Croisette, en Cannes, a capital do cine que cada ano recibe milleiros de visitantes sedentos de ver films de calidade e películas con novas temáticas e historias coas que ser sorprendidos, vén de recibir a visita dun peculiar personaxe: un neno Xesús de grandes proporcións que se paseou por esta peculiar rúa da man de Dygra Films.
O motivo non era outro que a promoción da vindeira película dos estudos de animación galegos, Noche de Paz? que se estreará este Nadal e que fixo que o propio director de Dygra Films, Manolo Gómez e a ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, se achegaran a comprobar de primeira man o periplo do neno Xesús por Cannes.
Dygra aproveitou a ocasión para presentar una avance de gran minutaxe do seu cuarto largo de animación, realizado con tecnoloxía dixital 3D, que nos pases do pasado venres e sábado deixou aos espectadores con bo sabor de boca e ganas de ver o film enteiro.
Gómez quedou moi “satisfeito” co éxito da presentación de Noche de Paz? e asegura que a produción marcha a bo ritmo e que os resultados obtidos “están superando con creces as expectativas”.
Para este proxecto, Dygra Films fichou ao guionista norteamericano da película Madagascar, Billy Frolick, que conta cunha excelente traxectoria profesional, e colaborou con importantes produtoras como Dreamworks Animation, y con destacados guionistas, como Karey Kirkpatrick, escritora de Chicken Run, Evasión en la granja.
O guión conta ademais con David Muñoz e Antonio Trashorras, que foron co-escritores do guión de El Espinazo Diablo, con Guillermo del Toro.
Noche de Paz?, que xa foi completamente financiada e que actualmente está nunha fase moi avanzada da súa produción, será a primeira película de animación española realizada dende o inicio con tecnoloxía dixital 3D.

PUBLICIDADE