ElPais.com ofrece as previsións do tempo de 8.000 localidades españolas

martes, 1 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Coa chegada da Rede e de todos os seus recursos que van á raizame do miúdo xa ninguén se conforma co de sempre. En cuestión de partes meteorolóxicos é exactamente o mesmo. O mesmo mapa de toda a vida co mesmo xeito de falar del? De tomar ese camiño é ben probable que só teñamos de auditorio á familia para escoitar as nosas predicións, e aínda así. Toda esta lea vén a conto para falar dunha iniciativa de Elpais.com no camiño de anovar este tipo de servizos, comezando polo seu propio. Segundo di o Grupo Prisa, a nova ferramenta informativa en liña apóiase sobre todo na exhaustividade e na actualización constante, ofrecendo datos anovados cada pouco do tempo rexistrado en máis de 8.000 localidades do Estado español.
Os datos, que amais de por localidades aparecen vertebrados por provincia, comunidade, país (270 incluídos) e continente (100 cidades de todo o mundo), complétanse cun buscador “intelixente” que axudará ao internauta a atopar a prognóstico do tempo na vila ou cidade que seleccione previamente. Amais do devandito, inclúense os datos climáticos de máis de 2.800 praias de España, dos 95 embalses das 15 concas hidrográficas do país, das 27 estacións de esquí e dos 260 portos de montaña.
Asemade, e agora que o fútbol semella máis importante que calquera acontecemento do que se fale nos medios de comunicación (por exemplo: foi moito máis importante mediaticamente cá decisión da Unión Europea de aprobar unha directiva que deixa marxe para a reclusión dos inmigrantes en centros con feitura de prisións, aínda que iso é outro cantar), o servizo tamén achega previsións con 10 días de adianto sobre as condicións climáticas que van acompañar aos estadios da Primeira División da Liga. O mesmo acontecerá con competicións deportivas de importancia e repercusión nos medios informativos (fórmula 1, tenis, motociclismo).

PUBLICIDADE