Jorge Mira gaña o Premio José María Savirón de divulgación científica e tecnolóxica

mércores, 18 de maio do 2011 Raquel Noya

O profesor da USC Jorge Mira Pérez, o máis famoso e mediático de toda a comunidade científica e universitaria do noso país, vén de ver recoñecido o seu labor incansable de divulgación da ciencia (á que lle dedica practicamente o cen por cento do seu tempo), ao facerse co premio ex aequo José María Savirón de Divulgación Científica 2010.
Este prestixioso galardón, que Mira comparte co programa televisivo Tres14 de La 2, leva o nome dun eminente científico que foi catedrático da Universidade de Zaragoza, e concédeselle a aquelas persoas que teñan realizado un meritorio labor para achegar a cultura científica e tecnolóxica á sociedade; algo que Mira leva facendo dende hai moitos anos, a través da radio, a prensa, a televisión, e tamén do programa ConCiencia, do que é director.
En anteriores edicións fixéronse co premio o director da revista Muy Interesante, José Pardina; o Instituto de Astrofísica de Canarias; o editor da revista científica Anales de Química, Pascual Román; o director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, Ramón Núñez Centella; e o creador e director do portal Divulgamat, Raúl Ibáñez Torres.
Nesta sexta edición, na modalidade da Comunidade Autónoma de Aragón o gañador foi Fernando Corbalán Yuste, licenciado en Matemáticas e doutor en Filosofía y Letras “polo seu longo e notable traballo divulgativo das Matemáticas a través de exposicións, libros, artigos e conferencias”, afirma o xurado que presidiu nesta ocasión a profesora Concepción Gimeno Floría.

PUBLICIDADE