O CPETIG achega formación para impulsar na nosa terra a figura do Delegado de Protección de Datos

luns, 3 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vainos achegar os días vindeiros aos desafíos que nos abre o novo regulamento de protección de datos, poñendo o foco nas oportunidades profesionais que veñen da man deste novo estado de cousas, máis controlado, específico e rigoroso. Nesta liña insírese o seu curso especializado sobre a figura do Delegado de Protección de Datos, o DPO, que se vai desenvolver en colaboración coa axencia AMTEGA. A actividade desenvolverase na Cidade da Cultura en dúas fins de semana consecutivas deste mes de setembro, os días os días 7, 8, 14 e 15 de setembro.
O curso, de 20 horas de duración, celebrarase en horario de tarde para as sesións dos venres e de mañá para as sesións dos sábados.
Impartido por profesionais do Centro de Formación de AENOR, os contidos poñen o foco nos fundamentos e principios da nova regulamentación de protección de datos, nos dereitos das persoas interesadas, nas obrigas dos responsábeis do tratamento de datos e nas medidas de seguridade, así como no estatuto da figura do Delegado de Protección de Datos, DPO, nas autoridades de control e no réxime sancionador.
O curso, en definitiva, vai ofrecer unha visión xeral da normativa europea de salvagarda da información, incidindo en aspectos prácticos para as entidades con competencias e responsabilidades en tratamento de datos. Entre outros obxectivos, o curso concibiuse para coñecer os principios básicos da nova normativa, cunha análise detallada das obrigas que afectan ás entidades públicas e privadas implicadas; e afondar nas funcións do DPO, acadando o nivel de coñecemento preciso para poder levalas a cabo.
Segundo o CPETIG, esta formación vai dirixida sobre todo a persoas que teñan entre os seus cometidos velar pola seguridade e o cumprimento normativo, auditores internos ou externos que deban avaliar a observancia da normativa, consultores, avogados e, en xeral, a profesionais interesados en prestar servizos neste ámbito.
Oportunidade do curso
O colexio que preside Marcos Mata, a respecto do marco no que se insire a actividade, informou hoxe que a formación a subministrar está aliñada co esquema de certificación da Axencia Española de Protección de Datos e concibida para que calquera persoa que desexe certificarse como DPO poida facelo, aínda que non teña experiencia. O CPETIG tamén recoñece que a organización deste curso responde á crecente demanda do novo perfil profesional do DPO, cuxa figura e funcións veñen determinadas no RGPD. Entre outros cometidos, este novo perfil profesional ten a responsabilidade de informar e asesorar á empresa e aos empregados sobre as súas obrigas no tratamento dos datos, supervisar o seu cumprimento e actuar de interlocutor entre a empresa e as persoas propietarias dos datos, ao obxecto de que estas poidan exercer os seus dereitos.
No que atinxe aos ámbitos de esixida presenza do DPO, a entidade profesional galega lembra que “de forma obrigatoria” deben incorporar a figura de DPO no seu organigrama as organizacións públicas, as empresas que realizan tratamento masivo de datos ou a gran escala, as que traten datos de especial protección, como poden ser datos xenéticos, relativos á saúde, biométricos, etc, “e as empresas que recollan características psicolóxicas e de comportamento das persoas”.
O prezo do curso de DPO é de 600€, cunha bonificación do 50% para as persoas colexiadas e precolexiadas. Máis información e inscricións na web do CPETIG.

PUBLICIDADE